miércoles, 23 de noviembre de 2011

25 DE NOVEMBRO













Ante a lacra da violencia de xénero non podemos quedar indiferentes, non podemos mirar para outro lado, non debemos volver a vista á terra, fagamos como @s nos@s alumn@s que cos seus ollos son os protagonistas do noso cartel.
Fronte ao maltrato, non baixes os ollos!
Ne fermez pas les yeux face à la violence!
Keep an eye on women abuse!

martes, 13 de septiembre de 2011

Na Biblioteca da Eternidade

A túa morte é un berro
que ao mesmo ceo ensordece,
ten a altura estrelecida da túa alma.
dista noite na que aturamos espertos.
(Tomás Barros, Vieiro de Señardade)

Comezamos unha nova andaina e vaste mais sabemos que non nos deixas, só te adiantas no camiño; faremos a seitura da semente que plantaches e manteremos a túa lembranza ata que, cando xa non exista o tempo, nos atopemos na Biblioteca da Eternidade, compartindo o Libro da Vida Infinita.



María Dolores, sempre connosco!

martes, 21 de junio de 2011

Farias e Semprún

Neste xuño deixáronnos un galego de vasta obra en castelán (Juan Farias) e un madrileño que compuxo gran parte da súa produción en lingua francesa (Jorge Semprún).

Se queres saber máis sobre eles:
Para coñecelos mellor non deixemos que sexan outros os que nos falen deles, escoitemos a súa voz e leamos as súas obras, eles xa atravesaron o río do esquecemento mais os seus libros seguen entre nós.

Presentamos estas reflexións de Semprún entresacadas dunha entrevista efectuada no 2009:



Vexamos este audiovisual do CEIP de Pazos (Serantes, o lugar onde naceu Farias):



E sobre todo leamos; de Farias temos na biblioteca as seguintes obras: Crónicas de media tarde, Ismael que foi mariñeiro, Os nenos numerados, A pousada do sétimo día e Á sombra do mestre.

miércoles, 1 de junio de 2011

A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.

Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.

Asinado:

O colectivo de coordinadores e coordinadoras de bibliotecas escolares incluídas no
Plan de mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia.

lunes, 2 de mayo de 2011

Cen anos con Sábato

O pasado sábado deixábanos Ernesto Sábato, un dos grandes da literatura hispanoamericana.


Leamos a súa obra cando xa falta pouco para o seu primeiro centenario: dúas das súas novelas máis importantes e coñecidas están ao voso dispor na biblioteca: El túnel e Sobre héroes y tumbas.


E para máis información podedes consultar esta liña do tempo:

viernes, 15 de abril de 2011

Escoitamos a Anxo Angueira

Nun acto, celebrado a comezos do pasado mes de abril, o escritor Anxo Angueira falounos acerca da figura de Rosalía de Castro. Recalcou a importancia desta autora, un símbolo representativo da nación galega e como unha figura clave do movemento cultural do Rexurdimento, un movemento de valorización e recuperación da lingua e cultura galega durante o s. XIX, fronte á asimilación castelá durante os Séculos Escuros.

Intentou aclarar e desbotar todos os tópicos e prexuízos existentes sobre Rosalía de Castro. Falounos da súa vida, por exemplo, da educación que recibiu a pesar da súa discriminada posición como muller, de como fora a estudar a Madrid desde moi xove de xeito independente, de que era unha persoa moi culta... Casou con Manuel Murguía, e ademais viviu nunha situación económica moi precaria porque tentou vivir só do que escribía.

Sobre as súas ideas, destaca o feito de que foi unha persoa moi revolucionaria en moitos sentidos, criticando a sociedade nos seus escritos. A parte da defensa de todo o galego fronte ós ataques casteláns, tamén foi defensora dos dereitos da muller, levou a cabo unha crítica ás desigualdades, as miserias do pobo, como a emigración, e tamén a institución da Igrexa Católica. Angueira exemplificounos todas estas ideas sociais en poemas da propia Rosalía, así como outros escritos.

Pero Rosalía tamén cultivou a “literatura, literatura”, sen ideas sociais, en poemas intensamente profundos, nos que se adentra no seu propio Eu, sobre todo en “Follas Novas”.

Como conclusión, atopei este acto moi interesante, xa que me permitiu profundar sobre a figura de Rosalía, e percatarme da súa gran importancia en moitos niveis, e tamén do gran legado cultural que deixou en todos os galegos. Así, laméntome de que non teñamos máis oportunidades para descubrir a literatura deste modo, xa que moitas veces a literatura énos ensinada dunha forma memorística, sen apenas descubrir os propios textos. Quizais por iso se pensa que a literatura é algo “inútil” e non é valorada.

(Brais Martínez Basalo, 1º BAC A)

jueves, 14 de abril de 2011

Co autor do "Pintor do Sombreiro de Malvas"













O día 6 de abril o escritor Marcos Calveiro veu ao noso instituto, chegou algo tarde porque viña doutro centro do concello de Poio. Cando entrou na aula onde o estabamos esperando recibímolo cun aplauso.

A profesora do departamento de Lingua Galega fixo unha pequena presentación do escritor e do libro. Despois o escritor falounos sobre o libro “O pintor do sombreiro de malvas”, tamén nos puxo cun proxector cadros de Vincent Van Gogh que aparecían no libro.

Despois de ensinarnos os cadros puidémoslle facer preguntas; algúns rapaces e rapazas fixéronlle preguntas aos profesores tamén.

Marcos Calveiro foinos moi orixinal coa súa presentación e tamén moi simpático.

Un detalle importante foi que cando iamos marchar para a clase puidemos ir a que nos firmara o libro.

A novela é moi bonita e ademais conta a vida dun pintor moi famoso, está ilustrada e gústame moito como se narra cada capítulo.

(Gustavo González Rodríguez, 3º ESO A)

martes, 5 de abril de 2011

Ano Internacional dos Bosques

Os Institutos "Pedras Rubias" de Salceda e "San Paio" de Tui conmemoramos nesta primavera o Ano Internacional dos Bosques ofrecendo unha escolma de textos literarios sobre o reino vexetal.

No día da Poesía e de inicio da Primavera publicamos Vinte poemas vexetais e un canto de primavera.

En Salceda o alumnado colaborou presentando tamén poemas e fotos:



En Tui membros do grupo de biblioteca e do club de lectura "Pedra do Acordo" realizamos a escolma: Textos literarios para mil primaveras

domingo, 20 de febrero de 2011

Día de Rosalía

Cada 24 de febreiro lembramos o nacemento de Rosalía de Castro, poetisa sen par e unha das nais indiscutibles da nosa lingua nai.

Ler a súa obra e manter vivo en cada un de nós o seu compromiso coa lingua, coa paisaxe e a paisanaxe deste anaco de mundo que chamamos Galicia é unha das mellores maneiras de renderlle homenaxe.

Se queres ler algúns textos literarios en loanza de Rosalía visita a segunda parte da nosa escolma:

Lembrando á lingua nai e a unha nai da lingua.

Día da Lingua Materna 2011

O Día Internacional da Lingua Materna, foi establecido pola UNESCO en 1999 para lembrar aos estudantes que en 1952 foron mortos a tiros pola policía de Dhaka, a capital do que hoxe é Bangla Desh, cando participaban nunha manifestación para o recoñecemento do bangla, a súa lingua, como un dos dous idiomas nacionais da entón Paquistán.

O lema deste ano é:
«As tecnoloxías da información e da comunicación ao servizo da protección e a promoción das linguas e da diversidade lingüística».

As linguas son os instrumentos máis axeitados para preservar e desenvolver o noso patrimonio cultural material e inmaterial. Promover, no noso caso, o uso e difusión do galego, lingua materna das galegas e dos galegos, servirá non só para incentivar a diversidade lingüística e a educación multilingüe, senón tamén para crear unha maior conciencia sobre a nosa tradición lingüística e cultural e inspirar á solidariedade baseada no entendemento, a tolerancia e o diálogo.

Celebremos, usemos e defendamos a nosa lingua neste día mais tamén en todos os días do ano!

Se queres máis información e materiais sobre esta efeméride entra en:









sábado, 29 de enero de 2011

125 anos despois

"En la Iglesia Parroquial da Santa Columba de la Villa de Rianjo, distrito municipal del mismo nombre, provincia de La Coruña, a treinta de enero de mil ochocientos ochenta y seis, yo, el Licenciado José Magariños, Párroco propio de la misma, bauticé solemnemente, puse los Santos Oleos y por nombre Alfonso Daniel Manuel a un niño que nació a las diez de la mañana del mismo día en la calle del Cabo de la Villa, número veintinueve, hijo de Mariano Rodríguez, de oficio marinero, y de Joaquina Castelao"

Despois de lembrar o 7 de xaneiro o LXI aniversario do pasamento, hoxe cúmprense 125 anos do nacemento dun dos máis esgrevios galegos de todos os tempos: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

125 anos despois cómpre coñecer a súa vida e a súa obra gráfica, literaria ou política para, seguindo as súas pegadas, continuar a construción da Galiza que el soñou. E podemos percorrer os distintos lugares da súa xeografía vital: o Rianxo no que veu ao mundo ou a Pontevedra que tanto amou.

Irmán Daniel, sempre connosco! (na biblioteca tamén).

Na Biblioteca están ao voso dispor:

Alba de groria, Cincoenta homes por dez reás, Cousas, 175 debuxos de Castelao, Diarios: viaxe a Francia, Bélxica e Alemaña, Os dous de sempre, Narracións e outras prosas, A narrativa de Castelao: Antoloxía, Obra completa, Retrincos. Un ollo de vidro, Sempre en Galiza e Os vellos non deben de namorarse. Farsa en tres actos.




Castelao

Cando cheguen os tempos non chegados
cando canten as mans traballadoras
nas doídas manceiras dos arados
e nas salgadas redes pescadoras,

Galicia ceibe tallará o teu nome
nas outuras do Pórtico da Groria
pra que falen os anxos con un home
que leva a patria enteira na memoria.

Unha nova Galicia sen cadea,
que non esportará mais sangue humán
nin asoballará unha man allea:

Unha Galicia nova, a de mañán,
que xa ven alborando, xa clarea,
no peito arrolará teu soño irmán.

(Lorenzo Varela)