domingo, 20 de febrero de 2011

Día de Rosalía

Cada 24 de febreiro lembramos o nacemento de Rosalía de Castro, poetisa sen par e unha das nais indiscutibles da nosa lingua nai.

Ler a súa obra e manter vivo en cada un de nós o seu compromiso coa lingua, coa paisaxe e a paisanaxe deste anaco de mundo que chamamos Galicia é unha das mellores maneiras de renderlle homenaxe.

Se queres ler algúns textos literarios en loanza de Rosalía visita a segunda parte da nosa escolma:

Lembrando á lingua nai e a unha nai da lingua.

Día da Lingua Materna 2011

O Día Internacional da Lingua Materna, foi establecido pola UNESCO en 1999 para lembrar aos estudantes que en 1952 foron mortos a tiros pola policía de Dhaka, a capital do que hoxe é Bangla Desh, cando participaban nunha manifestación para o recoñecemento do bangla, a súa lingua, como un dos dous idiomas nacionais da entón Paquistán.

O lema deste ano é:
«As tecnoloxías da información e da comunicación ao servizo da protección e a promoción das linguas e da diversidade lingüística».

As linguas son os instrumentos máis axeitados para preservar e desenvolver o noso patrimonio cultural material e inmaterial. Promover, no noso caso, o uso e difusión do galego, lingua materna das galegas e dos galegos, servirá non só para incentivar a diversidade lingüística e a educación multilingüe, senón tamén para crear unha maior conciencia sobre a nosa tradición lingüística e cultural e inspirar á solidariedade baseada no entendemento, a tolerancia e o diálogo.

Celebremos, usemos e defendamos a nosa lingua neste día mais tamén en todos os días do ano!

Se queres máis información e materiais sobre esta efeméride entra en: