viernes, 27 de enero de 2012

SE QUERES ESQUECER AS GUERRAS, TRABALLA POLA PAZ

Hai guerras que temos esquecidas: non saen nos telexornais, ninguén fala delas, é como se non existiran mais seguen destruíndo pobos e vidas, seguen creando viúvas e orfos, mutilados e desarraigados... son conflitos que perderon a actualidade, que a distancia e a indiferenza cobren cun manto de silencio; podes coñecelos accedendo ao documento Guerras Olvidadas.

Ás veces preferimos a amnesia ou mirar para outro lado para tranquilizar as nosas conciencias, ás veces o benestar e o progreso do primeiro mundo nútrese do sangue dos países pobres e/ou sometidos a tiranías, ollos que non queren ver corazón que non sinte.

Algúns dos materiais cos que se fan os dispositivos tecnolóxicos dos que presumimos son extraídos en condicións infrahumanas e serven de fonte de financiamento de grupos armados, favorecendo o clima de violencia e as violacións de todo tipo de dereitos nos países de orixe, un caso: Congo, terra violada.

Manteñamos viva a memoria porque tamén nós fomos vítimas en tempos pasados, por exemplo en Mathausen: O comboio dos 927, ou na nosa propia terra soportando as consecuencias dunha guerra civil, entre elas un réxime autocrático.

Agora que acaba de morrer un paradigmático autócrata, o norcoreano Kim Jong-il, esta reportaxe do ano 2010 cobra renovada actualidade. É unha visión crítica do réxime e das condicións de vida dos seus cidadáns; ás veces as aparencias de paz son consecuencia do imperio do terror, hai mulleres e homes aos que non deixan vivir en paz, aos que obrigan a descansar en paz, na paz dos cemiterios.




Se de verdade queremos esquecer as guerras, só temos un camiño: traballar de xeito infatigable pola paz; se queres a paz, prepara a paz.

VALORES NON BOLSISTAS

Nestes tempos de ditadura de cifras, primas de risco, déficit cero e recortes cómpre examinar como andamos na estatística dos valores menos mercantilistas e máis éticos.
  • A canto cotiza a nosa prima de risco bélico?
  • Estamos recortando o noso estado de paz?
  • Soben os valores da non violencia?
  • Temos déficit de condutas humanas e superávit de polémicos comportamentos?

Para coñecer aspectos como os citados e outros similares podemos acudir ao Global Peace Index e consultar un mapa como o da imaxe superior (se queres velo ampliado preme aquí, se o prefires interactivo entra neste enlace)