martes, 11 de noviembre de 2014

Twitteando contra o Maltrato e a Violencia de Xénero



Unímonos á iniciativa das bibliotecas dos IES de Poio e Ribeira do Louro-O Porriño, promotoras dunha campaña de denuncia da violencia de xénero en Twitter, dirixida a todos os sectores da comunidade educativa (profesorado, alumnado, pais e nais e PAS)

Trátase de publicar en TWITTER un chío (máximo 140 caracteres): unha mensaxe, unha frase, un verso, un haiku, un micropoema, un microrrelato… co hashtag #nonmaltratoBE co tema do rexeitamento da violencia de xénero.

Que non falte o teu tuit 
contra a praga do maltrato e a violencia de xénero!






domingo, 9 de noviembre de 2014

Ciencia en galego nas bibliotecas escolares galegas!

Neste novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas, pregoamos a mensaxe do profesor Ángel Carracedo, recoñecido científico galego: 

Un grande empresario dicíame non hai moito tempo: “Aos científicos valorarannos aquí cando algún se faga moi rico cos seus achados”.
A min non me parece que os galegos valoren pouco a ciencia e os seus científicos. Ao contrario, penso que estamos entre as profesións mellor consideradas. Temos a gran sorte de que a xente da nosa terra valora o traballo e a dedicación aos demais por riba de todo.
Tampouco creo que ningún científico teña entre os seus obxectivos facerse rico. O seu tesouro é o coñecemento e a súa ilusión buscar o porqué das cousas. A súa gran ledicia prodúcese cando fan un descubrimento que lles dá respostas ás preguntas que se fixeron e que ninguén fora quen de albiscar.
Gustaríalles traballar na súa terra, pero para iso precisan medios para investigar e un salario que lles permita vivir. Non lles importa que non sexa moito o que gañen, pero si que o proxecto, o grupo onde traballan e o ambiente sexa estimulante.
E temos que procurar entre todos que estas condicións se dean aquí. O noso número de investigadores é aínda moi baixo e as condicións nas que se desenvolve o seu traballo distan moito de ser comparables coas dos países máis desenvolvidos.
E é preciso cambiar esta situación. A investigación é o motor do desenvolvemento e da riqueza dos pobos, e temos que procurar reter o noso talento e mesmo captar novo talento do exterior.
Tamén temos, os propios científicos, que integrarnos máis na sociedade, na nosa cultura, no noso sistema produtivo, e sobre todo contar o que estamos facendo.
Cos anos cada vez concédolle máis importancia a divulgar a ciencia. Facela é importante, pero tanto ou máis é contar que sabemos e tantos e tantos misterios e problemas que aínda non conseguimos chegar a entender. Saber isto é a única maneira de que a xente valore o que os científicos fan, pero sobre todo é a única maneira de comprender o mundo que nos rodea e poder xulgar criticamente o que nos din, o que é igual que ser máis libres.
E para chegar á xente da nosa terra hai que facelo no nosa lingua. “Sentímolo noso”, escribía unha mestra dun dos institutos (o meu favorito) onde cada vez que podo voulles contar o que facemos aos alumnos. Entusiasmo e proximidade son a clave da divulgación científica, e que te sintan como eles, do seu mundo, coa nosa fala, é a garantía para que a ciencia se aprecie aínda máis e moitos dos nosos rapaces queiran dedicarse a ela.


CIENCIA + GALEGO = UN BINOMIO POSÍBEL!

lunes, 3 de noviembre de 2014

Unha Mafalda galega

Aproveitando a reportaxe que o Faro de Vigo fixo o pasado 5 de outubro a propósito do cincuenta aniversario de Mafalda e a entrega do premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades ao seu creador, Quino, ofrecemos esta pequena presentación:
Mafalda, que cumpras moitos máis!

jueves, 23 de octubre de 2014

Mortadelo e Filemón nunha biblioteca

Os coñecidos axentes da TIA vense na obriga de visitar unha biblioteca para conseguir probas contra Rodolfo Cobardino e a súa banda e... vaia movida na biblioteca con Mortadelo e Filemón!
Se queres máis, xa sabes:
Feliz Día da Biblioteca!

Con Mafalda no Día da Biblioteca Escolar

Ás portas do cuarto luns de outubro, Día Internacional da Biblioteca Escolar, dentro deste mes das bibliotecas escolares, aproveitamos o medio século de Mafalda para festexar con ela a importancia da biblioteca escolar e da lectura:


domingo, 19 de octubre de 2014

Rosendo Salvado e as bibliotecas

No bicentenario de seu nacimento, Rosendo Salvado,  escritor e bispo tudense, misioneiro en terras australianas, resplandece como defensor dos aborixes, preocupado tamén polas súas necesidades culturais. Para mostra,  neste mes das bibliotecas escolares, lembramos este pequeño texto seu sobre a importancia das bibliotecas:


A miña intención é formar, pouco a pouco, unha biblioteca nestes desertos de Australia. Unha comunidade monástica sen libros é como un batallón sen armas. Xa temos algunhas excelentes obras... mais, en verdade, na posición na que aquí nos atopamos, obrigados a desmontar os nosos bosques, e a traballar para procurarnos o pan, a gardar ovellas, vacas, cabalos, para proporcionarnos algúns recursos, a facer ladrillos e madeirame, para non durmir como antes ao sereno, non é ridículo querer tamén ocuparnos das Políglotas e das Patroloxías? Ridículo ou non, velaquí o feito, e, en lugar de arrepentirme del, estou resolto a aumentar, canto me sexa dado, a nosa exigua Biblioteca; pois non só de pan vive o home...

viernes, 17 de octubre de 2014

A xeometría do carballo

Agradecemos @s colegas da biblioteca do CPI Mondariz a súa información sobre a versión  en galego do poema de Marcos Ana "Decídeme como é unha árbore" (incluído na nosa escolma Matemática... verso a verso!), musicado polo grupo A Quenlla.
Remediamos o noso lapsus ofertando a letra e a música do poema na nosa lingua:

Contaime como é un carballo,
como é o cantar dun río
cando se enche de paxaros.

Falaime do mar. Falaime
dos arrecendos do campo.
E das estrelas. Do aire.

Recitaime un horizonte
libre de pechos e chaves
como a casupa dun pobre.

Decime como é o alento
dunha muller. Daime o nome
do amor : xa non me lembro.

¿Aínda as noites se perfuman
de namorados tremendo
de paixón baixo da lúa?

¿Ou non hai máis ca esta foxa,
a luz dunha sepultura
e a canción das miñas lousas?

Vintedous anos...Xa esquezo
ata a dimensión das cousas,
a color, o cheiro...Escribo

a cegas: “ o mar”, “ o campo”...
digo “fraga” e non percibo
a xeometría dun carballo.

Falo por falar de asuntos
que me borraron os anos.
( Non podo seguir: escoito
os pasos do funcionario)

Música : Xosé Luis Rivas Cruz.
A Quenlla, Silencios na memoria. A Vida by A QUENLLA on Grooveshark

jueves, 3 de abril de 2014

V TUI LE

A lectura venceu á choiva


Máis dun milleiro de alumnos de once centros de Tui participaron na V edición do Tui Le, celebrada aproveitando o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. O claustro gótico da catedral acolleu a marea lectora, desde os máis novos de infantil e primaria ate os  veteranos avós que quixeron compartir cos seus netos esta festa de exaltación da lectura e do libro. Nos pétreos muros e baixo as bóvedas silandeiras resoaron voces infantís e xuvenís para reafirmar o vínculo entre Tui e a lectura.

A cadea lectora rodea o claustro
A marea lectora anega o claustro
Seguide Lendo: pancarta colaborativa
Lendo o conto redondo
Lectores espectadores
A lectura é cousa de moitos
A lectura con música entra
Percusión corporal
Lectura con coreografía
Lecturas: +onte -mañá
Recitando a Rosalía e Díaz Castro
Liberación e intecambio de libros

Recitacións poéticas (Rosalía e Díaz Castro), recreacións de contos (contos redondos, Kamisibhai, libro das trasnadas), música ao servizo da lectura (poesías musicadas; cancións: “Os libros”, “Unha de libros”, “Imos todos a ler”...) bailes, danzas de fronteira, coreografías, percusión corporal, intercambio e liberación de libros ocuparon toda a mañá deste 2 de abril. E agora, para o resto do ano, levemos á práctica o lema co que a escritora Siobhán Parkinson remata a mensaxe do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil 2014: Seguide Lendo! (lema que tamén entre todos, letra a letra, compuxemos)

Tui segue lendo!

lunes, 24 de febrero de 2014

O ROSTRO DA POETA COS SEUS VERSOS

No Día de Rosalía quixemos lembrala lendo os seus poemas e trazando o seu rostro coa axuda dos seus versos.
Velaquí unha pequeta mostra da nosa celebración:

Lendo a Rosalía (1º ESO B) 

Lendo a Rosalía (2º ESO D)

O profesor Fernando Díaz 
cos seus alumnos comeza o bosquexo da faciana da poeta

Versos e máis versos van descubrindo 
 a face de Rosalía



Grazas a tod@s @s participantes e dun xeito especial ao Departamento de Educación Plástica e Visual; o profesor Fernando Díaz Mirón có seu alumnado é o responsable da idea que axudamos a completar o equipo da biblioteca, os membros do club de lectura e o resto da comunidade educativa.

lunes, 17 de febrero de 2014

LINGUA MATERNA E MÚSICA

Festexemos a nosa lingua materna coa música e a poesía:

martes, 11 de febrero de 2014

miércoles, 29 de enero de 2014

AS ORIXES DALGUNHAS GUERRAS

Interesantes documentais que nos fan reflexionar sobre o sangue e a inxustiza que poden esconder algúns dos productos e obxectos que consumimos:

XANO, A ÁRBORE DA VERGOÑA E O TENDAL DA PAZ

Os Romanos ergueron o templo de Xano como lugar para facer as súas pregarias en tempos de guerra; por iso, na longa historia da civilización romana, este templo só puido pechar as súas portas en catro ocasións: a primeira na época do monarca Numa Pompilio, a segunda baixo o consulado de Tito Manlio, a terceira no 29 a. C. sendo emperador Augusto, e a última no 70 p. C. baixo o goberno de Vespasiano. Sumando todos estes períodos quizais esteamos a falar dun ano de peche en total, unha insignificante area de paz no vasto deserto das guerras.

Hoxe, 30 de xaneiro de 2014, as portas do tempo de Xano seguen abertas. No noso mundo máis de trinta conflitos manteñen aceso o lume da discordia, algúns deles ocupan as portadas dos medios de comunicación, outros perderon actualidade e permanecen soterrados (mais vivos) baixo a lousa do esquecemento.

As follas vermellas da árbore da vergoña queren lembrar varios deses conflitos que, larvados ou non, seguen a encher a macabra estatística da maldade do ser humano.


 

 

E ao carón da árbore da vergoña construímos o tendal da paz do que penduraremos follas brancas, cal pombas, coas mensaxes do que podemos facer, dende as nosas circunstancias e limitacións, a prol da paz para mellorar a estatística das bondades do ser humano e pechar as portas do templo de Xano.

Músicas de PAZ