martes, 11 de noviembre de 2014

Twitteando contra o Maltrato e a Violencia de Xénero



Unímonos á iniciativa das bibliotecas dos IES de Poio e Ribeira do Louro-O Porriño, promotoras dunha campaña de denuncia da violencia de xénero en Twitter, dirixida a todos os sectores da comunidade educativa (profesorado, alumnado, pais e nais e PAS)

Trátase de publicar en TWITTER un chío (máximo 140 caracteres): unha mensaxe, unha frase, un verso, un haiku, un micropoema, un microrrelato… co hashtag #nonmaltratoBE co tema do rexeitamento da violencia de xénero.

Que non falte o teu tuit 
contra a praga do maltrato e a violencia de xénero!






domingo, 9 de noviembre de 2014

Ciencia en galego nas bibliotecas escolares galegas!

Neste novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas, pregoamos a mensaxe do profesor Ángel Carracedo, recoñecido científico galego: 

Un grande empresario dicíame non hai moito tempo: “Aos científicos valorarannos aquí cando algún se faga moi rico cos seus achados”.
A min non me parece que os galegos valoren pouco a ciencia e os seus científicos. Ao contrario, penso que estamos entre as profesións mellor consideradas. Temos a gran sorte de que a xente da nosa terra valora o traballo e a dedicación aos demais por riba de todo.
Tampouco creo que ningún científico teña entre os seus obxectivos facerse rico. O seu tesouro é o coñecemento e a súa ilusión buscar o porqué das cousas. A súa gran ledicia prodúcese cando fan un descubrimento que lles dá respostas ás preguntas que se fixeron e que ninguén fora quen de albiscar.
Gustaríalles traballar na súa terra, pero para iso precisan medios para investigar e un salario que lles permita vivir. Non lles importa que non sexa moito o que gañen, pero si que o proxecto, o grupo onde traballan e o ambiente sexa estimulante.
E temos que procurar entre todos que estas condicións se dean aquí. O noso número de investigadores é aínda moi baixo e as condicións nas que se desenvolve o seu traballo distan moito de ser comparables coas dos países máis desenvolvidos.
E é preciso cambiar esta situación. A investigación é o motor do desenvolvemento e da riqueza dos pobos, e temos que procurar reter o noso talento e mesmo captar novo talento do exterior.
Tamén temos, os propios científicos, que integrarnos máis na sociedade, na nosa cultura, no noso sistema produtivo, e sobre todo contar o que estamos facendo.
Cos anos cada vez concédolle máis importancia a divulgar a ciencia. Facela é importante, pero tanto ou máis é contar que sabemos e tantos e tantos misterios e problemas que aínda non conseguimos chegar a entender. Saber isto é a única maneira de que a xente valore o que os científicos fan, pero sobre todo é a única maneira de comprender o mundo que nos rodea e poder xulgar criticamente o que nos din, o que é igual que ser máis libres.
E para chegar á xente da nosa terra hai que facelo no nosa lingua. “Sentímolo noso”, escribía unha mestra dun dos institutos (o meu favorito) onde cada vez que podo voulles contar o que facemos aos alumnos. Entusiasmo e proximidade son a clave da divulgación científica, e que te sintan como eles, do seu mundo, coa nosa fala, é a garantía para que a ciencia se aprecie aínda máis e moitos dos nosos rapaces queiran dedicarse a ela.


CIENCIA + GALEGO = UN BINOMIO POSÍBEL!

lunes, 3 de noviembre de 2014

Unha Mafalda galega

Aproveitando a reportaxe que o Faro de Vigo fixo o pasado 5 de outubro a propósito do cincuenta aniversario de Mafalda e a entrega do premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades ao seu creador, Quino, ofrecemos esta pequena presentación:
Mafalda, que cumpras moitos máis!