domingo, 18 de marzo de 2012

A PEPA ARDEU MAL

Nas crónicas da historia de Tui non falta un triste episodio que ten como protagonista á Constitución de 1812: a súa exemplarizante queima no céntrico Paseo da Corredoira.
É bastante probable que os pirómanos físicos e ideolóxicos de tan triste suceso non tiveran lido o documento que entregaban ao lume destrutor.
Tamén é moi probable que, coa súa acción, pensaran queimar un libro e, tamén de paso, destruír as ideas que o tal libro defendía e garantía.
Se iso pensaron non estiveron no certo porque os libros arden mal (está dito por Manolo Rivas no título dunhas das súas novelas) e as ideas son incombustibles: pódese matar ao mensaxeiro mais sempre quedará a mensaxe.
Puideron acabar con algúns dos pais desa modélica constitución,
puideron berrar "Vivan as cadeas!",
puideron incendiar a convivencia...
mais das cinzas xurdiu cal renovada ave fénix, a semente que, agochada en fértil terra, había de dar unha boa colleita de liberdades das que hoxe podemos gozar.
Por iso hoxe podemos celebrar os dous séculos dunha Pepa que ardeu mal,
Por iso hoxe podemos seguir lendo A Pepa
Por iso hoxe podemos festexar a Pepa coa palabra, coa música, co teatro...
1812-2012: duascentas primaveras coa Pepa. Viva a Pepa!

No hay comentarios: