Hai guerras que temos esquecidas: non saen nos telexornais, ninguén fala delas, é como se non existiran mais seguen destruíndo pobos e vidas, seguen creando viúvas e orfos, mutilados e desarraigados... son conflitos que perderon a actualidade, que a distancia e a indiferenza cobren cun manto de silencio; podes coñecelos accedendo ao documento Guerras Olvidadas.
Ás veces preferimos a amnesia ou mirar para outro lado para tranquilizar as nosas conciencias, ás veces o benestar e o progreso do primeiro mundo nútrese do sangue dos países pobres e/ou sometidos a tiranías, ollos que non queren ver corazón que non sinte.
Algúns dos materiais cos que se fan os dispositivos tecnolóxicos dos que presumimos son extraídos en condicións infrahumanas e serven de fonte de financiamento de grupos armados, favorecendo o clima de violencia e as violacións de todo tipo de dereitos nos países de orixe, un caso: Congo, terra violada.
Manteñamos viva a memoria porque tamén nós fomos vítimas en tempos pasados, por exemplo en Mathausen: O comboio dos 927, ou na nosa propia terra soportando as consecuencias dunha guerra civil, entre elas un réxime autocrático.
Agora que acaba de morrer un paradigmático autócrata, o norcoreano Kim Jong-il, esta reportaxe do ano 2010 cobra renovada actualidade. É unha visión crítica do réxime e das condicións de vida dos seus cidadáns; ás veces as aparencias de paz son consecuencia do imperio do terror, hai mulleres e homes aos que non deixan vivir en paz, aos que obrigan a descansar en paz, na paz dos cemiterios.
Se de verdade queremos esquecer as guerras, só temos un camiño: traballar de xeito infatigable pola paz; se queres a paz, prepara a paz.
No hay comentarios:
Publicar un comentario