martes, 1 de junio de 2010

23 DE ABRIL: ÁGORALIBROS EN TUI


O pasado 23 de abril foi unha xornada histórica en Tui.
No Día do Libro os libros alfombraron a Praza de San Fernando. Tui sumouse así á iniciativa que a fundación CUMULUM xestionou nas sete grandes cidades galegas.
A Biblioteca Municipal e todos os centros públicos de ensino tudenses aportaron uns catro mil libros cos que compuxemos o topónimo TUI suliñado. Ao longo da mañá, mentras a Radio Municipal facía a súa programación dende a mesma praza, centos e centos de escolares depositaban os seus libros e ofreceron recitacións, pequenas pezas musicais, lectura de textos, poemas ou representacións teatrais. Logo chegou o tempo para que cadaquen collera algúns libros e os levara:, aquí estivo a nota negativa por parte dun pequeno grupo de ávidos desaprensivos "lectores" (e non rapaces, por certo) que arramblaron co que atopaban ao seu alcance.
Polo demáis a xornada pode considerarse todo un éxito, de xeito especial grazas ao entusiasmo de tantos rapaces e rapazas e ao magnífico ambiente de colaboración entre todas as bibliotecas: foi a primeira colaboración conxunta e o resultado invítanos a seguir por este camiño para ben de todos nestes tempos de vacas fracas nos que cómpre optimizar recursos ao máximo.
Uns cento vinte alumnos en representación do noso instituto foron os encargados de dar comezo á actividade e, ademáis de ofrecer uns mil cincocentos libros, leron un capítulo do Quijote, recitaron o poema "Para la libertad" de Miguel Hernández, representaron a peza teatral adaptada de A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca no río Miño e interpretaron muiñeiras, pasodobles e a Mozart.
Parabéns a tod@s!

No hay comentarios: