


Ne fermez pas les yeux face à la violence!
Keep an eye on women abuse!
Un pequeno oco no cyberespazo para compartir as nosas experiencias na Biblioteca do IES San Paio
Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:
A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas
Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.
Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.
Ernesto Sábato on Dipity.
Intentou aclarar e desbotar todos os tópicos e prexuízos existentes sobre Rosalía de Castro. Falounos da súa vida, por exemplo, da educación que recibiu a pesar da súa discriminada posición como muller, de como fora a estudar a Madrid desde moi xove de xeito independente, de que era unha persoa moi culta... Casou con Manuel Murguía, e ademais viviu nunha situación económica moi precaria porque tentou vivir só do que escribía.
Sobre as súas ideas, destaca o feito de que foi unha persoa moi revolucionaria en moitos sentidos, criticando a sociedade nos seus escritos. A parte da defensa de todo o galego fronte ós ataques casteláns, tamén foi defensora dos dereitos da muller, levou a cabo unha crítica ás desigualdades, as miserias do pobo, como a emigración, e tamén a institución da Igrexa Católica. Angueira exemplificounos todas estas ideas sociais en poemas da propia Rosalía, así como outros escritos.
Pero Rosalía tamén cultivou a “literatura, literatura”, sen ideas sociais, en poemas intensamente profundos, nos que se adentra no seu propio Eu, sobre todo en “Follas Novas”.
Como conclusión, atopei este acto moi interesante, xa que me permitiu profundar sobre a figura de Rosalía, e percatarme da súa gran importancia en moitos niveis, e tamén do gran legado cultural que deixou en todos os galegos. Así, laméntome de que non teñamos máis oportunidades para descubrir a literatura deste modo, xa que moitas veces a literatura énos ensinada dunha forma memorística, sen apenas descubrir os propios textos. Quizais por iso se pensa que a literatura é algo “inútil” e non é valorada.
(Brais Martínez Basalo, 1º BAC A)
A profesora do departamento de Lingua Galega fixo unha pequena presentación do escritor e do libro. Despois o escritor falounos sobre o libro “O pintor do sombreiro de malvas”, tamén nos puxo cun proxector cadros de Vincent Van Gogh que aparecían no libro.
Despois de ensinarnos os cadros puidémoslle facer preguntas; algúns rapaces e rapazas fixéronlle preguntas aos profesores tamén.
Marcos Calveiro foinos moi orixinal coa súa presentación e tamén moi simpático.
Un detalle importante foi que cando iamos marchar para a clase puidemos ir a que nos firmara o libro.
A novela é moi bonita e ademais conta a vida dun pintor moi famoso, está ilustrada e gústame moito como se narra cada capítulo.
(Gustavo González Rodríguez, 3º ESO A)