sábado, 29 de enero de 2011

125 anos despois

"En la Iglesia Parroquial da Santa Columba de la Villa de Rianjo, distrito municipal del mismo nombre, provincia de La Coruña, a treinta de enero de mil ochocientos ochenta y seis, yo, el Licenciado José Magariños, Párroco propio de la misma, bauticé solemnemente, puse los Santos Oleos y por nombre Alfonso Daniel Manuel a un niño que nació a las diez de la mañana del mismo día en la calle del Cabo de la Villa, número veintinueve, hijo de Mariano Rodríguez, de oficio marinero, y de Joaquina Castelao"

Despois de lembrar o 7 de xaneiro o LXI aniversario do pasamento, hoxe cúmprense 125 anos do nacemento dun dos máis esgrevios galegos de todos os tempos: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

125 anos despois cómpre coñecer a súa vida e a súa obra gráfica, literaria ou política para, seguindo as súas pegadas, continuar a construción da Galiza que el soñou. E podemos percorrer os distintos lugares da súa xeografía vital: o Rianxo no que veu ao mundo ou a Pontevedra que tanto amou.

Irmán Daniel, sempre connosco! (na biblioteca tamén).

Na Biblioteca están ao voso dispor:

Alba de groria, Cincoenta homes por dez reás, Cousas, 175 debuxos de Castelao, Diarios: viaxe a Francia, Bélxica e Alemaña, Os dous de sempre, Narracións e outras prosas, A narrativa de Castelao: Antoloxía, Obra completa, Retrincos. Un ollo de vidro, Sempre en Galiza e Os vellos non deben de namorarse. Farsa en tres actos.




Castelao

Cando cheguen os tempos non chegados
cando canten as mans traballadoras
nas doídas manceiras dos arados
e nas salgadas redes pescadoras,

Galicia ceibe tallará o teu nome
nas outuras do Pórtico da Groria
pra que falen os anxos con un home
que leva a patria enteira na memoria.

Unha nova Galicia sen cadea,
que non esportará mais sangue humán
nin asoballará unha man allea:

Unha Galicia nova, a de mañán,
que xa ven alborando, xa clarea,
no peito arrolará teu soño irmán.

(Lorenzo Varela)

domingo, 24 de octubre de 2010

Maalouf e Cansino na Biblioteca











Porque como dixo o novo Premio Nacional de Literatura Xuvenil "Non todo é Harry Potter", porque existe máis literatura...
Se antes xa nos interesabamos por eles, agora que foron galardoados temos máis motivos para ler ou volver a ler as súas obras, algunhas delas están ao voso dispor na biblioteca.


sábado, 16 de octubre de 2010

O Planeta Mendoza

Congratulámonos da concesión do último premio Planeta a Eduardo Mendoza pola súa obra Riña de gatos; Madrid, 1936.
O novelista remataba El asombroso viaje de Pomponio Flato, outra das súas obras, con estas verbas: "... dentro duns anos ... ninguén se lembrará de min, nin de ti, Fabio, porque todo decae, desaparece e pérdese no esquecemento, agás a grandeza inmarcesible de Roma."
Nós queremos que non só a grandeza de Roma permaneza, tamén queremos moitos outonos e moitas primaveras para tantos e tantos escritores que nos teñen deleitado, nos deleitan e seguirán deleitándonos, por obrigación e por devoción, coas súas obras. Hoxe eses escritores están representados por Eduardo Mendoza; para coñecelo mellor podemos repasar o que sobre el di a galipedia, visitar a súa web oficial, coñecer as últimas novas que sobre o galardoado aparecen en La Vanguardia ou El País, por exemplo, e, sobre todo, ler a súa produción: no instituto atoparedes La verdad sobre el caso Savolta, El misterio de la cripta embrujada ou La ciudad de los prodigios e na biblioteca municipal La aventura del tocador de señoras, Tres vidas de santos, Sin noticias de Gurb, Mauricio o las elecciones primarias ou El asombroso viaje de Pomponio Flato.

sábado, 9 de octubre de 2010

Unha cumprida colleita

O outono é tempo de colleitas. Para as literaturas hispánicas aquén e alén do Atlántico tamén. O peruano Mario Vargas Llosa co Nobel de Literatura 2010 e o estremeño Javier Cercas co Nacional de Narrativa garanten unha magnífica colleita. Deles podemos dicir que sementaron en terra de boas letras para ofrecer aos lectores o cento por un. Parabéns para eles polos galardóns obtidos e parabéns para todos nos que podemos gozar dunha literatura de primeira. Na bolsa das letras (literarias, non de cambio) seguimos cotizando á alza.
Para consultar outros materiais sobre Vargas Llosa pincha aquí

lunes, 20 de septiembre de 2010

Adeus, aedo da liberdade!


Cando, ás portas do outono, nace un novo curso,
cando, con renovados folgos, iniciamos as tarefas educativas,

prematura cae
unha senlleira folla da árbore da liberdade,
un dos bos e xenerosos dinos adeus;

Nos tamén dicimos adeus a un corpo feble e ferido pola enfermidade

mais queremos ser perenne eco das súas resoantes e comprometidas verbas,

elas permanecerán nos nosos corazóns,

elas serán garantes da túa inmortalidade,
Xosé Antonio Labordeta, sempre connosco!

Agora e sempre queremos ser os teus émulos cantando e traballando pola liberdade:




martes, 1 de junio de 2010

23 DE ABRIL: ÁGORALIBROS EN TUI


O pasado 23 de abril foi unha xornada histórica en Tui.
No Día do Libro os libros alfombraron a Praza de San Fernando. Tui sumouse así á iniciativa que a fundación CUMULUM xestionou nas sete grandes cidades galegas.
A Biblioteca Municipal e todos os centros públicos de ensino tudenses aportaron uns catro mil libros cos que compuxemos o topónimo TUI suliñado. Ao longo da mañá, mentras a Radio Municipal facía a súa programación dende a mesma praza, centos e centos de escolares depositaban os seus libros e ofreceron recitacións, pequenas pezas musicais, lectura de textos, poemas ou representacións teatrais. Logo chegou o tempo para que cadaquen collera algúns libros e os levara:, aquí estivo a nota negativa por parte dun pequeno grupo de ávidos desaprensivos "lectores" (e non rapaces, por certo) que arramblaron co que atopaban ao seu alcance.
Polo demáis a xornada pode considerarse todo un éxito, de xeito especial grazas ao entusiasmo de tantos rapaces e rapazas e ao magnífico ambiente de colaboración entre todas as bibliotecas: foi a primeira colaboración conxunta e o resultado invítanos a seguir por este camiño para ben de todos nestes tempos de vacas fracas nos que cómpre optimizar recursos ao máximo.
Uns cento vinte alumnos en representación do noso instituto foron os encargados de dar comezo á actividade e, ademáis de ofrecer uns mil cincocentos libros, leron un capítulo do Quijote, recitaron o poema "Para la libertad" de Miguel Hernández, representaron a peza teatral adaptada de A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca no río Miño e interpretaron muiñeiras, pasodobles e a Mozart.
Parabéns a tod@s!

DÍA DO LIBRO XUVENIL EN FOTOS


A BIBLIOTECA DO IES SAN PAIO CELEBROU O
DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO XUVENIL

As actividades previstas no IES San Paio para lembrar esta data celebráronse o martes día 13 de abril e consistiron en:

1. Lectura, protagonizada por un pequeno grupo de alumnos, da Mensaxe para este día redactada polo español Eliacer Cansino, en tódalas aulas do instituto.
2. No local da biblioteca e ao longo de toda a mañá (8.45-14.25), maratón de lectura de textos de literatura xuvenil (a partir dunha escolma feita polo equipo de biblioteca) con todos os grupos de 1º da ESO e un grupo de 3º acompañados do seu correspondente profesorado.

Pode consultarse máis información sobre esta efeméride e a escolma no apartado de biblioteca dentro da páxina web do instituto, no seguinte enderezo:
http://centros.edu.xunta.es/iessanpaio/?q=node/497